Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

Centenario da fundación de Cantigas e Agarimos

[29 xullo 1921-29 xullo 2021]

Alguén dixo máis dunha vez que, nas agrupacións como a nosa, o importante é a institución en si e non tanto as persoas que ao longo da súa historia pasaron por ela. E temos para nós que quen así pensa non vai falto de razón: as persoas van, imos pasando, e a institución segue aí, en pé. Certo é. Pero non é menos certo que as institucións non son outra cousa que o resultado das xentes que as compoñen, daquelas persoas que ao longo da súa historia foron quen de ila adubando día a día co seu bo facer. E, por sorte, en Cantigas desas persoas sempre tivemos dabondo: desde Bernardo del Río, Enrique Sánchez Guerra e aqueles primeiros vinte homes e seis valentes mulleres que deron os primeiros pasos ata os centos e centos de homes e mulleres que neste tempo pasaron por Cantigas.

Velaí os soficos nos que se afincou o baileu en que, ao longo deste 100 anos, permitiu ir enlousando o tellado que nos acolle aos que ahora formamos parte de Cantigas. Velaí os alicerces nos que se asenta, rexa, a nosa casa, que é a todas e todos eles e tamén a vosa.

Moitas grazas a todos e todas aquelas que formaron parte de Cantigas e Agarimos e nos deixaron en herdanza tanta regalía.