Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Galas

Balbino

“balbino” é o novo espectáculo de Cantigas e Agarimos . O baile e a música, como recursos obvios, e outros, non tan previsibles pero enormemente relevantes, acompañan a un reparto de máis de 90 artistas e sitúannos no escenario vital dun neno de aldea, pero dende un punto de vista orixinal. A obra de Xosé Neira Vilas serve como punto de partida para crear unha proposta multidisciplinarque medra ao longo das diferentes escenas, que reflexan a sociedade galega de mediados do século XX: as clases sociais, o éxodo, os costumes ou a rebelión reprimida.

Na recreación deste escenario físico e cronolóxico participan importantes institucións artísticas, como Arquitectura Efémera da EASD MESTRE MATEO ou a compañía de teatro Ditea.

Coidado ao máximo nos detalles, cheo de contido e de sorpresas, “balbino” emprega todas as expresións da identidade galega ó seu alcance para lanzar unha mensaxe sinxela pero moi poderosa sobre quen somos e cal é o noso patrimonio.

Lela, unha gala de Cantigas e Agarimos

A obra “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao, serve de fío conductor á nova gala de Cantigas e Agarimos.

Cantigas e Agarimos quere rendir homenaxe a todos e todas as persoas que en xullo de 1961, fixeron posible aquela primeira representación, fora de América, da obra de Castelao.
Neste espectáculo, máis de 80 persoas tentarán trasladar ó espectador no tempo, levándoo nunha viaxe imaxinaria pola nosa historia e as nosas raizames.

Baile, música, vestiario, pinceladas de teatro… todo un despregue visual e sonoro que non te deixará indiferente…