Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Cantigas e Agarimos

Fundada en 1921

A Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos” de Santiago de Compostela fundouse nesta cidade no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño, sendo unha das agrupacións máis antigas adicadas ó folclore galego. Dende a súa fundación, Cantigas e Agarimos estivo adicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia.

A comezos do século XX, un grupo de xente unido a compoñentes do Orfeón La Artística e do Orfeón Valverde de Santiago de Compostela deciden formar un coro baixo a presidencia de Salvador Cabeza de León e a dirección dun novísimo Bernardo del Río. O nome elixido sería o de Coro Queixumes dos Pinos. Non sería ata 1920 cando se lograría formar novamente un grupo cos superviventes da epidemia gripal de 1918. A necesidade de introducir voces femininas no repertorio chocaba coas ideas do Centro Católico no que ensaiaban. Lonxe de reprimir a súa evolución artística, o grupo buscou refuxio nos locais da Unión Protectora de Artesáns. O 29 de xullo de 1921 presentouse á cidadanía no Teatro Principal e na Alameda baixo o nome de Cantigas e Agarimos.

A partir de entón nacería en Compostela unha agrupación que no s. XX sería un referente e peza indispensable da sociedade santiaguesa. O piar sobre o que se asentou e serviu de base firme para a súa proxección no tempo responde ao nome de Bernardo del Río, que xa demostrara anteriormente dotes para a dirección artística. O estudo e coñecemento do repertorio tradicional translócese na inspiración galeguista das súas obras, ás que aplicaba a súa formación académica. Entre as súas composicións destaca o pasodobre galego Cantigas e Agarimos, incluído frecuentemente no repertorio das bandas de música.

Durante os seus primeiros 50 anos de historia o coro e o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos realizaron múltiples xiras e participaron en películas, poñendo en escea obras como “A lenda de Montelongo” ou “Os vellos non deben de namorarse” (A.D.R. Castelao) e gravando varios discos nos que quedaron recollidos os seus éxitos. Unha das adaptacións máis importantes, polo seu éxito e récord en ventas é A Virxe de Guadalupe.

A primeiros dos anos 70 do século pasado tivo os seus comezos o grupo de baile da Asociación Cantigas e Agarimos. Foi no seo da coral, na que os propios coristas bailaban ao son de foliadas, pandeiretadas,… Non será ata os anos oitenta cando adquira unha identidade propia.

A través das súas seccións: coro, grupo instrumental, grupo de baile e pandeireteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore e así o acreditan os numerosos premios acadados ao longo da súa traxectoria e as referencias dos historiadores da nosa cultura. Cantigas e Agarimos ten percorrido innumerables festivais e certames de toda Galicia, España, Portugal, Francia, Alemania, Xapón, Estados Unidos, etc, recibindo diversos premios e recoñecementos ó seu labor de divulgación da tradición musical e de transmisión da lingua e cultura galegas. Este traballo apareceu reflictido en programas de televisión e incluso películas como “La casa de la Troya” (M. Noriega e A. Pérez Lugín, 1924) ou “El bosque animado” (J.L. Cuerda, 1987). Ademais, algúns dos máis importantes grupos da música galega contaron coa colaboración de Cantigas e Agarimos, como é o caso de Milladoiro, Berrogüetto ou Xochilmica.

Enmarcado no compromiso coa difusión da tradición galega, Cantigas e Agarimos adica un importante traballo á promoción do baile e da música popular entre os rapaces, por medio da Escola da Muiñeira, Gaita e Pandeireta, Concurso de Baile e Música, Día da Muiñeira e a publicación da revista Algalia.

No ano 2007, logo do 85 aniversario da Agrupación, presentouse o espectáculo “Na Algalia de Arriba” en diferentes localidades de Galicia dentro do ciclo Danza 3 da D.X. de Promoción e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e tamén do programa “Vai de Camiño” do Xacobeo. No ano 2010 estrenouse o espectáculo “Como cho conto” e no 2011, coincidindo co 50 aniversario da estrea en Galicia (a cargo do grupo de teatro de Cantigas e Agarimos) de “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao, a Agrupación presentou o espectáculo “Lela”.

Cantigas e Agarimos é ante todo tempo e historia, pero tamén presente e futuro. Canto coral, canto tradicional, baile, teatro, música, escola, formación, premios, mencións, xiras… estes son os 90 anos desta Agrupación, unha historia que ten que ser coñecida para poder ser valorada e así non ser esquecida.

Consulte a nosa cronoloxía