Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Directores

marina_FV

Marina Fdez. Vigo

Marina Fdez. Vigo posúe o Título Superior en Interpretación na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia, o Mestrado de Teatro e Artes escénicas e o Mestrado en Formación do Profesorado. Paralelamente, fórmase na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo.

Respecto á súa actividade como intérprete, actualmente é integrante da OFG Sondeseu e Os Melidaos; gaiteira e directora da charanga Trébede, e arranxista e gaiteira do grupo Cantometrics. Participa nas gravacións dos discos Danzas Brancas e Beiralúa (Sondeseu), Colleita propia (Pablo F. Rial), ExNovo (B-Flecha) e Cantometrics (Cantometrics). Ten acadado premios como gaiteira e percusionista nos principais certames do país, así como dous Premios Martín Códax da Música Galega co conxunto Áureas en 2017 e con Os Melidaos en 2024.

En relación á actividade docente, é mestra de gaita e percusión na asociación Vai de Roda (Rianxo), directora da banda de gaitas María Soliña (Cangas do Morrazo) e do Grupo de Música Tradicional do Campus de Pontevedra, e profesora de gaita no Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa.

É a directora da sección instrumental de Cantigas e Agarimos dende o ano 2022.

roixes_director

Roi Xesteira

Roi é un multiinstrumentista formado desde neno no ámbito tradicional da man do seu pai, Xaquín Xesteira, e da súa avoa, Josefa Losada (Pitusa). Conta cunha sólida traxectoria clásica como bombardinista, formada no CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra e na Fontys Academy of Music and Performing Arts (Tilburg, NL).

Participou en bandas de música como as de Ribadumia, Cambados, Caldas de Reis, Arcade e Koninklijke Harmonie Orpheus, así como en agrupacións de metais como EpiyBrass e SpaSloLux Euphonium Quartet.

No eido tradicional, integra Os Xeitosiños, Os Xesteira e o Orfeón Treixadura, e colaborou con proxectos como SonDeSeu, Kepa Junkera ou Os Faíscas de Solobeira. É director do C@riño dos Ameneiros de Portonovo e do grupo de cantos de taberna Maravallada de Pontevedra.

Desde setembro de 2025 é o director do coro histórico galego Cantigas e Agarimos.

pedro_director

Pedro Brañas Vázquez

Profesor de baile, pandeireta e canto tradicional en diferentes grupos da provincia de Pontevedra, entre eles Asociación Cinco Lúas de Marcón, Fentos e Froumas de Marín, Grupo de música tradicional Vilarachos de Pontevedra, A.C.F. Trompos ós Pés de Marín, etc. dalgúns dos cales tamén foi compoñente. É tamén o codirector e coordinador do grupo de baile da A.C. Loaira (Trébede) de Marín e director do grupo de pandereteiras desta mesma Asociación.

Realiza un importante traballo de recuperación da tradición etnográfica galega, sendo este coñecemento o que o levou a participar en proxectos tan innovadores e arriscados como Projecto ['trepia].

Dirixe a sección de baile de Cantigas e Agarimos dende o 2013.