Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

A Xunta apoia a candidatura

A Xunta apoia a candidatura do baile e da música tradicionais galegos como patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

  • Vázquez Abad e Anxo Lorenzo reuníronse hoxe con representantes de Cantigas e Agarimos, Xacarandaina e O Fiadeiro para avanzar na presentación da candidatura perante a Unesco.
  • A Consellería confirmou no encontro que impulsará a declaración de BIC como primeiro paso dun proceso que ten como obxectivo a posta en valor e o recoñecemento da cultura tradicional galega.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará a solicitude de declaración do baile e da música galega tradicionais como Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Humanidade pola Unesco. Así llelo confirmaron o titular do departamento, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez, á Asociación Cultural Xacarandaina, á Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro e á Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, nunha reunión que mantiveron hoxe con representantes destas tres entidades, impulsoras da iniciativa.

Para avanzar no proceso de admisión a trámite da candidatura, a Consellería de Cultura e Educación acordou promover a declaración do baile e a música tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dun paso previo á solicitude de inclusión na lista representativa da Unesco do PIC, que dotará de protección legal o baile e a música tradicionais galegos, requisito para solicitar a candidatura perante o organismo europeo.

 

Manifestacións artísticas singulares de gran valor cultural

A lista de patrimonio inmaterial da humanidade ten por obxecto salvagardar os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos ou os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural. Neste marco, o obxectivo da candidatura para o baile e a música tradicionais galegas é poñer en valor estas manifestacións artísticas propias e singulares de Galicia, que contan cunha longa e rica tradición que hoxe se mantén viva, así como garantir a súa protección e transmisión.

Os estados membros da Unesco son quen formalizan a solicitude de inclusión na lista representativa da Unesco do PIC. No caso de España, esta solicitude formalízase na Comisión de Seguimento do Plan Nacional para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. As comunidades autónomas, que están representadas nesta comisión, son as que achegan as propostas que posteriormente son valoradas de cara a formalizar a solicitude de declaración como PIC.

Fonte: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria