Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

Aires da Terra, o legado de Feijóo

Cantigas e Agarimos organiza o próximo sábado 24 de xaneiro o concerto “Aires da Terra: O legado de Feijóo”. Trátase dun proxecto que pretende recuperar os sons e a idea orixinaria que motivou a don Perfecto Feijóo para crear “Aires da Terra” en 1883, o primeiro coro galego e pai dos coros galegos actuais.

Os encargados de interpretar os temas son: Suso Vaamonde (gaita e voz), Xosé Lois Romero (tambor, pandeiro e voz), José Manuel Acha (bombo e voz), Xan Herrera (voz), José Luís Garaboa (voz), Xoan Porto (voz), Paulo Chouza Noal (voz) e César Tarela Pérez (voz), axudándose dunha réplica exacta da gaita de don Perfecto (tocada coa dixitación e ornamentación que el deixou escrita nos seus papeis), dos mesmos instrumentos que empregou o coro na gravación de 1904 e da mesma formación.

Intercalaranse nas presentacións dos temas comentarios escritos de Feijóo, para documentar o espectáculo e amosar, dende un punto de vista didáctico, a concepción que tiña o seu creador do que debería ser un coro na Galicia de 1901.

Dous temas serán bailados por unha parella de Cantigas e Agarimos.

O concerto terá lugar o vindeiro sábado 24 de xaneiro ás 20:30h na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, onde nos gustaría contar coa vosa asistencia. A entrada será libre ata completar aforo.