Benvidos

Din por aí que un pobo que non canta nin baila é un pobo sen alma e sen corazón. Iso é o que din por ai. Mais, ese non é o noso caso; o Pobo Galego se algo ten é alma, e corazón tamén. Un corazón mol -coma un pucho de figos- e grande ata o punto de non collerlle na caixa do peito. Fotografía da agrupación en Lorient

A música -como dixo Vicente Risco- foi compaña das xentes de Galicia en todo o seu ciclo vital. Os galegos e galegas cantaron sempre: no Nadal e no Entroido, nos Maios e polo San Xoán; nas festas e romarías e, nas celebracións do verán. As cantigas son, pois, o espello no que se reflicte o rostro verdadeiro do país. ¿E nós?. E nós queremos ser espello no que se reflicta nidio ese rostro.

Batede, pois, co porlón nesta porta e dentro atoparedes un corazón grande e mol coma un pucho de figos, e unha alma chea de Cantigas e Agarimos.