Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

Finou Juan Bello Mallou

Juan Bello Mallou, o que foi gaiteiro de Cantigas e Agarimos durante máis de 50 anos, finou hoxe aos 89 anos na súa casa en Casas Novas. Gaiteiro moi coñecido en Santiago de Compostela e bisbarra, o seu xeito de tocar e as ensinanzas que ata a actualidade transmitiu a todo aquel que se achegaba a el, supuxeron o seu recoñecento como un dos gaiteiros máis prestixiosos de Galicia.

Mallou foi membro de diversos grupos da zona de Compostela desde que era un rapaz, pero sobre todo é coñecido pola súa importante etapa no coro de Cantigas e Agarimos, onde coincidiu con Basilio Carril, formando un dos dúos con máis sona da época. Nos 56 anos nos que formou parte de Cantigas e Agarimos colleitou innumerables premios e recoñecementos, viaxou a importantes escenarios de Europa e América, gravou varios discos e tocou con grandes figuras da música tradicional galega como Manuel Miramontes Fandiño Bartolo, Xosé Vidal Freire, Xesús López Botana, entre outros.

Sempre achegado a Cantigas e Agarimos, parte dos seus fillos e netos pasaron polas distintas seccións da Agrupación, e a súa porta en Casas Novas sempre estivo aberta para quen quixera escoitar as súas palabras ou a súa música.

Vaia desde Cantigas o noso recordo á súa figura e ó seu importante legado tanto musical como humano, así como un agarimoso saúdo á súa extensa familia. Boa viaxe, señor Mallou!