Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

Xaquín Xesteira, novo director do coro da Agrupación Cantigas e Agarimos

O recoñecido Xaquín Xesteira, gaiteiro, percusionista e arranxista, é desde o pasado mes de xuño o novo director do coro da Agrupación Cantigas e Agarimos.

Vencellado desde neno coa música tradicional, cursou estudios de gaita no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Participou en concertos e discos de grupos tan importantes da música galega como Milladoiro, Na Lúa ou Fuxan os Ventos. O labor formativo ten un importante espazo no seu curriculum: á parte de ser director das Seccións de Gaita e Percusión da Orquestra Folk SonDeSeu, é mestre de gaita na ETRAD (Escola de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo) e tamén autor dos libros-cd “Método de Gaita Galega”, volumes I e II. Forma parte de varios grupos de música tradicional, de entre os que destaca Treixadura, que fundou xunto con outros compañeiros no ano 1990.

A estrea de Xaquín Xesteira como director foi o pasado 23 de xullo nunha experiencia emocionante: o concerto que reuniu á Banda Municipal de Santiago co coro de Cantigas e Agarimos dentro do programa das festas do Apóstolo. Iniciouse deste xeito especial unha nova etapa que está supoñendo unha motivadora renovación nun dos coros históricos de Galicia.