Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

VII Premio Xabier Prado “Lameiro”

O VII Premio Xabier Prado “Lameiro”, que organiza e concede a Coral De Ruada, foille concedio, por unanimidade do xurado, á Agrupación Folclórica CANTIGAS E AGARIMOS de Santiago de Compostela.

No día de onte reuniuse o xurado nomeado pola CORAL DE RUADA para estudar as candidaturas á sétima edición do PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, co que se pretende, segundo contemplan as súas bases, “…premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas.”

O xurado estaba formado por:

  • Presidente: D. Eladio Quevedo Almoina (Presidente de Honra da CORAL DE RUADA).
  • Secretaria: Dª. Fátima María Malingre Grande (Secretaria Xeral da CORAL DE RUADA, con voz pero sen voto).
  • Vogais: D. Samuel Lago Fernández (Presidente da CORAL DE RUADA, ex-Inspector de Ensino Medio e Catedrático de Historia).
  • D. José María Carballeira Anllo (Director e Catedrático de Lingua e Literatura Españolas do I.E.S. Universidade Laboral de Ourense, coautor do Gran Diccionario Xerais da Lingua).
  • D. Luis Fernández Rodríguez (Ex-director e Catedrático de Lingua e Literatura Galegas do I.E.S. Otero Pedrayo de Ourense).
  • D. Emilio Rodríguez Portabales (Vicepresidente da CORAL DE RUADA, Catedrático de Sistemas Electrónicos do I.E.S. Universidade Laboral de Ourense).

O xurado acordou, por unanimidade:

Conceder o PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, organizado pola CORAL DE RUADA de Ourense, na súa sétima edición, correspondente ao ano 2016, á Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela (A Coruña) polo traballo que ao longo de noventa e cinco anos leva realizado no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da música, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que o acompañan, como son os grupos de baile, os grupos instrumentais, os traxes, as escolas, a animación sociocultural, organización de eventos culturais, etc.

O inxente labor de Cantigas e Agarimos constitúe un exemplo de traballo e de compromiso coa cultura popular galega e o PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, con este galardón, non fai máis que recoñecer a coherente andaina que esta agrupación ten mantido neste campo ao longo de toda a súa traxectoria.