Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

Exposición en Cuntis

A Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos” realizou a finais do 2011 unha Exposición conmemorativa do 50º aniversario da representación de “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao en Galicia. Logo de poder verse esta mostra durante unhas semanas na Biblioteca pública Ánxel Casal, a cal gozou dunha grande acollida en Compostela, Cantigas e Agarimos decidiu que “un traballo así, non pode morrer tras unha exposición”, comenta Manuel Rey (membro da directiva da asociación), “para nós o gratificante é que esta exposición viaxe por Galicia adiante e se coñeza este fito, no que Cantigas e Agarimos tivo que ver”.

Así pois, co gallo de darlle maior transcendencia e divulgación, Cantigas e Agarimos decidiu que esta pequena gran mostra viaxase a outros centros de ensino e localidades das terras galegas. A Asociación Cultural “O Fervedoiro” de Cuntis, facendo eco desta iniciativa quixo que a exposición fose un dos referentes na súa programación deste mes de decembro sobre a memoria histórica. A exposición pódese visitar no Colexio Don Aurelio Marcelino desa localidade entre os días 2 e 20 de decembro. Alí pódense ver, ademais dos paneis de Cantigas, reproducións de fotografías, bosquexos, manuscritos que se empregaron para a posta en escena da peza teatral de Castelao e un exemplar da primeira edición do libro, feita por Galaxia no 1953.

Membros da asociación cuntiense indicaron que a alumnos e profesores lles pareceu moi didáctica a mostra. Comentaron tamén que no centro de ensino realizaron diversas actividades relacionadas coa busca e ampliación de información ofrecida nos diferentes paneis da exposición, libros das bibliotecas e na internet; e teñen prevista facer unha unidade didáctica.

Esta exposición continuará a súa andaina por diversos centros de ensino. Despois de estar en Cuntis, viaxará a Ordes ata o CEIP Núm.1 e de aquí volverá a terras compostelás.