Cantigas e Agarimos // Agrupación folclórica

Novas

Baile Tradicional: Patrimonio da Humanidade

Co motivo do Día Internacional da Danza, o colectivo XOC, formado por tres asociacións con actividade no eido do folclore galego: Xacarandaina (A Coruña), O Fiadeiro (Vigo) e Cantigas e Agarimos (Santiago), quere facer público o seguinte comunicado:

O Día Mundial da Danza celébrase desde o ano 1982 co obxectivo de darlle visibilidade á danza e captar a atención do público en xeral, agrupando nun día común de exaltación e celebración a tódalas disciplinas dancísticas.

En Galicia, desde tempos inmemoriais existe o baile tradicional como manifestación artística propia, cunha extraordinaria riqueza de movementos e ritmos. Hoxe en día, o baile e a danza tradicional de Galicia forman parte da nosa vida cotián, existindo múltiples agrupacións que dunha ou outra maneira colaboran na súa difusión e conservación. Tamén os galegos na diáspora e os seus descendentes continúan a manter vivo o baile galego, que segue presente en tódolos centros galegos no extranxeiro e nos colectivos de emigrantes.

O baile é a nosa tradición, é a nosa cultura, é común a tódolos galegos, é reflexo da nosa historia, é integrador, é unha linguaxe universal. Por todo isto son necesarias accións que garantan a súa conservación e transmisión dunha forma pura e afastada de influenzas que o desvirtúen. O baile tradicional galego, polo seu valor histórico, debe ser conservado, dignificado e transmitido a través de tódalas canles posibles.

Desde o colectivo XOC (Xacarandaina, O Fiadeiro, Cantigas e Agarimos), traballamos por facer realidade tódalas accións que sexan necesarias para situar a nosa tradición onde merece. Nós, temos a firme convicción de que o baile tradicional galego debe formar parte da lista de patrimonio inmaterial da humanidade que desde o ano 2003 elabora a UNESCO, polo que vimos de promover perante a Xunta de Galicia a proposta de candidatura do baile e a danza tradicional de Galicia como patrimonio inmaterial da humanidade.

Sabendo que para acadar o éxito da candidatura é indispensable a implicación do goberno de Galicia, agardamos da Consellería de Cultura e dos galegos en xeral que acollan a nosa iniciativa como a súa propia.

Pode descargar a Nota de Prensa en formato PDF nesta ligazón.

Relacionado: Nova en La Voz de Galicia